ELAS FAN TECH / Presentación de M-ARTECH PLATFORM con Francesca Mereu en NORMAL

En relación con Elas Fan Tech (NORMAL Espazo de intervención cultural. Universidade da Coruña 21 xaneiro – 9 marzo), mañá 5 de marzo ás 19:30 hs. Francesca Mereu, fundadora da iniciativa, presenta a M-ARTECH PLATFORM, plataforma tecnolóxica de interconexión entre Mulleres, Arte, Ciencia e Tecnoloxía.

M-Artech defínese como unha rede de interconexións entre mulleres activas no ámbito social, político, artístico e tecnolóxico. Pretende conectar a artistas e investigadoras/es que traballan en arte, ciencia e tecnoloxía, fomentando o diálogo e a divulgación das súas obras e coñecementos. Persegue crear comunidade a través da organización de ciclos de encontro, charlas, debates, obradoiros, exposicións e do uso dunha plataforma Web como medio tecnolóxico de conexión e difusión. Nesa liña, foi creado un arquivo en liña para o intercambio de investigacións, ensaios e traballos entre artistas, científicas/os e grupos de investigación tecnolóxica.

Francesca Mereu é artista e investigadora de arte dixital. É coordinadora do grupo experimental de visualización avanzada VLAB 4D. Traballou no Medialab-Prado, enfocando as súas investigacións a proxectos que conectan arte e tecnoloxía: hologramas, espazos 3D, realidades inmersivas…

A entrada é libre até completar a capacidade da sala.

Comments are closed.